Así, comezamos polo principio: presentáronnos o sistema educativo francés e Carolina, a nosa representante do CFR de Ferrol, presentoulles o sistema español e galego.
O sistema francés, pese a estar máis centrado có noso no modelo do déficit (deberiamos falar máis ben de intergración que de inclusión?) conta con figuras inexistentes no noso sistema. Por exemplo, o "enseignement référent", unha persoa que coordina e supervisa ao longo de toda a vida escolar do alumno ou alumna que o precise, todas as intervencións médicas, sociais, educativas, etc... Ou o "acompañante" (dentro do PIAL), persoa que acompaña e axuda ao alumnado que o precisa (algo parecido á figura do noso coidador/a, pero que remata facendo tarefas pedagóxicas e que só conta cun curso de formación de 60- 80 horas).

Outro dos centros que visitamos foi a EREA de Beaune, localidade moi próxima a Dijon. Este tipo de centros non chegan ao cento en toda Francia e son Centros Rexionais de Ensinanza Adaptada. Explicábannos que alí viven, estudan e conviven rapaces e rapace que non están coas súas familias por diversas situacións. Ao remataren saen con un título que lembra ao de FP Básica. Teñen un currículo cun importante peso da formación práctica, tamén en empresas da volta, que está organizada arredor de diversos itinerarios (albanelería, soldadura, viticultura, xardiñeiría e paisaxismo e agricultura). Este é un dos seus talleres, concretamente o de pintura e mosaico.
Ata nos dou tempo de cear nunha cea de gala na localidade de Auxerre. Alí coñecemos o Lycée Vauban, un centro de formación profesional onde nos atenderon estupendamente os alumnos e alumnas de hostelaría. Sopa de peixe, lenguado, pato e unha sobremesa deliciosa a base de doces e, por suposto, fromage.
A última xornada visitamos unha aula con pequenos e pequenas de Trastorno de Espectro Autista dentro da École Maternnelle (educación infantil) de Quétigny, que ten como particularidade a Nao, un pequeno robot que interactúa cos peques nalgunhas das súas rutinas.
Neste enlace podedes botar un ollo ao blogue de Isa, unha da compañeiras participantes.