A nosa semana como centro anfitrión ía chegando á súa fin, pero aínda nos quedaban un par de cousiñas moi especiais para esta última xornada.
Pola mañá fomos ata o Campus de Elviña da UDC para coñecer o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación). Alí nos recibiron cos brazos abertos para contarnos a que se dedicaban. Tíñannos preparada unha primeira actividade na que o investigador Francisco Bellas nos explicou que era iso da Intelixencia Artificial...Espectaculares os proxectos que están a desenvolver neste campo!
Despois guiáronnos ata o Centro de Procesamento de Datos onde o seu responsable, Carlos Dafonte, nos amosou como funcionaba. Alí aprendemos como é o "lugar físico" no que se almacena todo o que subimos á nube.
E para finalizar, achegámonos ao Demostrador Tecnolóxico. Grazas ao traballo de investigadores como Manuel Lago, vimos como a realidade virtual pode axudar no día a día de moitas persoas, por exemplo, en cousas tan importantes como na rehabilitación de persoas con problemas de mobilidade.
O alumnado puido probar de primeira man a realidade virtual poñendo un casco que lles permitiu abrir unha billa, preparar o almorzo ou montar nunha montaña rusa.

Mil grazas ao CITIC polo recibimento cos brazos abertos que nos fixeron e por todo o que nos ensinaron. Profesorado e alumnado coincidimos en que foi súper interesante.
Aquí podedes ver como recolleron a nosa visita na súa web: https://citic.udc.es/gl/estudantes-europeos-participantes-nun-programa-erasmus-visitan-o-citic/
Logo de xantarmos da facultade de Aparelladores e dunha breve visita panorámica en autobús á Coruña (un pouco empañada pola chuvia), volvemos ao Xestal onde nos esperaba a traca final da nosa semana como anfitrións e anfitrionas: unha obradoiro sobre música e baile tradicional e unha boa merenda.
Despois de entregar os diplomas aos participantes, chegou o turno do Proxecto Pesquedellas. Infinitamente agradecidas ao enorme despregue: trouxeron instrumentos, traxes... e mil ganas de pasalo ben. En primeiro lugar, explicaron algúns dos instrumentos tradicionais máis coñecidos: pandeiretas, pandeiros, latas, castañolas, gaita, tamboril... e algún menos famoso, como as culleres. Ademais, ensináronnos unha peza coa que puidemos improvisar unha especie de karaoke... A maxia xurdiu cando repartiron os instrumentos aos alumnos e alumnas que axiña se meteron no papel e non só cantaron a peza, senón que a acompañaron coa música.
A continuación, explicáronnos algunhas das pezas dos traxes tradicionais. E, como non hai mellor cousa que a practicar co exemplo, pediron voluntarias e voluntarios do público para vestirse. Portugueses e romaneses foron os máis veloces!
Agora que xa coñecíamos os traxes, os instrumentos e as coplas... só nos quedaba o baile. Axiña organizaron tres grupos e ensináronnos tres puntos coa súa volta. Xa tiñamos foliada!!! O máis divertido, a muiñeira corrida: todas e todos bailando e cambiando as parellas polo patio. Tremenda festa!
Para poñer boa cara ante a despedida, sacamos o fhotocall e alí quedaron mensaxes de todas e todos. Que gran recordo dunha grande experiencia!!
Dende o noso centro, só agardamos que os nosos convidados e convidadas o disfrutasen tanto coma nós!
Ningún comentario:
Publicar un comentario