Hoxe tivemos unha actividade moi especial e que non poderiamos ter levado a cabo sen a inestimable axuda de Sergio: fixemos un programa de radio sobre o Erasmus.
Non foi traballo dun día, non pensedes. Cada quen dende o seu centro levábamos días traballando nun guión que incluía ata entrevistas. O programa viraba arredor de dous eixos fundamentais no noso programa Erasmus: STEM e multiculturalidade. Así que... a traballar! O primeiro, foi preparar e quentar a voz e repasarmos o reparto de tarefas.
Agora que xa estabamos listas e listos para poñernos mans á obra, para poder xestionalo, fixemos dúas quendas. Na da mañá, o equipo romanés que reflexionaron sobre o Erasmus e entrevistaron a un Xeólogo, o profe de Bioloxía, Eloy.
Mentres, o resto dos grupos visitaron a exposición de aparellos históricos relacionados con temática STEM. O alumnado da materia de Iniciativa á Actividade Emprendedora e Empresarial de 4º de ESO, preparouna recopilando todos os aparellos que había no centro (e algunha cousiña que achegaron algunhas profes), case todos en funcionamento. Todo isto fixo decatármonos do rápido que avanza a tecnoloxía.
Pola tarde, foi a quenda dos equipos finés e portugués, que tamén fixeran as súas achegas ao guión, desta volta, sobre a temática da multiculturalidade e a súa importancia no programa Erasmus. Tamén prepararon unha entrevista, desta volta a Meme, a auxiliar de conversa que está connosco este curso.
Aínda que o día resultou intenso, quedou algún anaquiño para xogos de mesa na biblioteca.
Foi unha experiencia novidosa para todos os nosos visitantes que, polo que nos contaron, nunca fixeran radio.


Ningún comentario:
Publicar un comentario