06 maio 2022

Estamos en Craiova!

Onte aterramos no noso derradeiro destino neste proxecto: Romanía. 
En Craiova fomos recibidas polos nosos anfitrións da escola Nicolae Romanescu. Tanto alumnado como profesorado eran vellos coñecidos das outras mobilidades foi un reencontro estupendo.
En Romanía é tradicional recibir ás persoas convidadas ás casas con pan que se "molla" en sal. Cando chegamos á escola, alumnado, profesorado d equipa directiva déronnos a benvida compartindo connosco este bolo. 
Ademais, tamén houbo tempo para as actuacións musicais de moi diversos estilos. Algunhas das alumnas acudiron á escola vestidas con pezas de roupa do traxe tradicional e non dubidaron en ensinarnos algúns pasos dos seus bailes para ir rompendo o xeo.

Pola tarde, tivemos oportunidade de visitar o Parque Nicolae Romanescu, un dos máis grandes de toda Europa.
A mañá do martes transcorreu no cole. Alí os compañeiros e compañeiras romaneses tiñan preparados distintos obradoiros STEM que nos permitiron coñecer os laboratorios de Física, Bioloxía e outras aulas do centro.

A tarde aproveitámola para coñecer outro dos estupendos espazos naturais da cidade: o xardín botánico. Neste enorme espazo verde, os habitantes Craiova disfrutan do seu tempo de lecer ao aire libre. E igual fixo o noso alumnado.
O mércores e o xoves as actividades que nos tiñan preparadas transcorreron noutros espazos do máis variado. Logo de ser recibidos pola Inspección Educativa que nos agasallou con diversos souvenirs, visitamos dende o Museo de Ciencias Naturais, co seus restos óseos xigantescos e o seu planetario (entre outras mostras) ao de Arte, onde puidemos achegarnos á obra dun dos artistas romaneses máis coñecidos, Brancusi.


O xoves, as visitas foron a distintos centros tecnolóxicos nos puidemos observar como se traballa en sectores tan punteiros como o desenvolvemento e deseño de software. A xente de Netrom amosounos con todo detalle as súas instalacións e fixéronnos sentir coma se estivésemos en Google. 



Pola tarde, xa de volta á escola, asistimos á cerimonia de entrega de diplomas a todas as persoas participantes no proxecto.Era a última actividade da mobilidade e o noso alumnado quixo inmortalizar o momento xunto co equipo finés co que tan boas migas fixeron.
 
A nosa aventura, e con ela este proxecto Erasmus, tocaba á súa fin. O venres ben cedo as familias trasladáronnos ao aeroporto para emprender o camiño de volta. Quedamos con todas as boas experiencias que nos brindou Romanía e todo o aprendido. Para o equipo de profesorado da escola Nicolau Romanescu e para todas as familias que participaron no proxecto, só podemos ter boas palabras e agradecemento: foron uns anfitrións e anfitrioas estupendos e fixéronnos sentir coma na casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Estonian Educational Excellence: from PISA to Pedagogy through Innovation: presentación do sistema educativo estonio

  A partir dos materiais aportados e da información recollida na estadia formativa organizada polo CFR de Ferrol elaboramos a seguinte pres...