Dentro da formación
do profesorado e no marco do proxecto Erasmus + tivo lugar na semana do 2 ao 6
de maio a mobilidade relativa ao programa K.101 adicada á inclusión, onde o CPI
Virxe da Cela participou permitíndome viaxar a Nuremberg. E aló que se foi Lara, a nosa Orientadora!
Esta mobilidade agrupaba dous proxectos, un adicado á inclusión e outro dirixido á dixitalización. En total 29 profesores da comarca de Ferrolterra acompañados de Miguel, Manolo e Lucía poñíamos rumbo a Nuremberg con moita ilusión e ganas de aprender.
A experiencia comezou cun bonito madrugón, xa que ás 6 da mañá tiñamos que estar no aeroporto de Santiago pero pouco importa madrugar cando se trata de viaxar. Dous avións despois aterrabamos no aeroporto.
Tras deixar as nosas cousas no hotel dirixímonos cara un pequeno restaurante para comer. E cal foi o noso menú? Salchichas! Impensable visitar Alemaña e non probar este produto típico. O detalle dos pratos de metal con forma de campá foi un detalle que chamounos moito a atención a todos.
Pola tarde houbo compañeiros que aproveitaron para descansar tras a viaxe e o madrugón, desfacer as maletas... e outros aproveitamos para coñecernos un pouquiño e dar unha volta pola cidade que ten un gran variedade de cousas interesantes que ver como o carrusel do matrimonio, a casa onde residiu o pintor Alberto Durero, ou a fonte Schoner Brunnen situada na praza do mercado onde se leva a cabo o tradicional mercado de Nadal.
O luns o inspector da
rexión de Baviera, veunos buscar ao hotel e aproveitando que facía bo tempo nos
diriximos camiñando a Begrüßung Preißler Schule un centro educativo de
secundaria situado nun edificio histórico do centro da cidade. Alí fomos recibidos polo director do centro Rüdiger
Fauser e varios alumnos/as e profesores/as que nos convidaron a coñecer as
instalacións e o seu funcionamento.
Unha das cousas que máis nos chamou a atención deste centro escolar foi que non estaba adaptado a persoas con mobilidade reducida, de feito o director comentounos que se algún alumno/a en cadeira de rodas quería matricularse aquí, non podía facelo xa que ao ser un edificio histórico non se permitía a alteración da súa estrutura.
Por suposto tamén houbo tempo para tomar un café e probar os deliciosos pretzels, produto típico que se elabora a base de fariña de trigo e que se pode comer só ou recheo
Ao saír do centro escolar aproveitamos para ir a ver o edificio onde se celebraron os xuízos de Nuremberg, proceso que tivo lugar entre novembro de 1945 e outubro de 1946 e no que se xulgaron os crimes e abusos contra a humanidade cometidos en nome do Terceiro Reich. Na actualidade nesa mesma sala seguen tendo lugar xuízos polo que está algo modificada pero aínda así, a sensación de estar tocando unha parte da historia é indescritible.
Despois de comer realizamos un tour a pé pola cidade acompañados de Anikka, profesora dun dos centros asociados que nos ensinou os lugares máis emblemáticos como o castelo que data do século XIV.
Pola tarde fomos ao centro de documentación do partido nazi. O noso guía explicounos como aquel recinto, hoxe medio derrubado, estaba pensado para albergar 50000 persoas nos congresos que celebraba o partido nacionalsocialista.
Anexo a este edificio atópase o campo Zeppelin, espazo aberto que permitía albergar ata 300000 persoas. Hoxe en día atópase en estado de semi-abandono e forma parte dun parque público. Resultounos moi chamativo que xusto ao lado dunha construción tan representativa do que foi o nazismo en Alemaña haxa unha feira con atraccións e mesmo un pequeno circuíto onde se desenvolven competicións de coches.
O mércores coñecimos o lugar de traballo do inspector que nos acompañou durante estes días. Alí aprendemos moito sobre o sistema educativo alemán, explicounos como se distribúen as etapas educativas e puidemos comprobar as diferencias co noso sistema.
En Alemaña, e concretamente en Baviera a educación infantil, que tamén abarca ata os 6 anos é opcional. A educación primaria abarca ata os 10 anos e as calificacións que se obteñan nesta etapa xunto coa recomendación do profesorado permite distribuír ao alumnado entre 3 tipos diferentes de educación secundaria:
- Mittelschule onde se obtén un titulo similar a nosa FP básica e que abarca dende 5º a 9º ou 10º grao segundo a modalidade que se curse
- Realschule, onde se obtén un título similar aos noso FP de grao medio. Abarca dende 5º a 10º grao e pode ampliarse dous anos máis a través dunha modalidade dual, é dicir compaxinando formación no centro con experiencia en empresas
- Gymnasium, que permite ir universidade e que abarca dende 5º a 12º grao.
Unha das cousas que máis nos sorprendeu en xeral, foi que unha vez superado 4º de primaria xa se divida ao alumnado en función das calificacións posto que pensamos que esta decisións realizase moi prematuramente. Aínda que nos dixeron que existe flexibilidade para pasar dunha a outra, case todos concordamos en que pasar da menos esixente á mais ten que ser moi complicado.
Despois de comer dúas mestras compartiron con nós o seu día a día o que nos permitiu coñecer os diversos materiais que empregan e aprender un pouco máis en detalle como é o seu día a día.
O mércores ceamos convidados pola inspección educativa, e ademais de probar cousas típicas da rexión, este tempo serviunos para intercambiar opinións con distintos mestres e mestras nun entorno menos formal.
O xoves fomos en tren a coñecer MS Röthenbach unha escola de secundaria que prepara aos rapaces para Formación profesional. Alí puidemos observar dende as propias aulas como se traballa co alumnado e intercambiar ideas e impresións cos profesores que nos acompañaron.
Pola tarde puidemos ver como traballan con cabalos para favorecer entre outros aspectos, a inclusión dos rapaces e rapazas do centro. Así, cada grupo clase acode unha hora á semana a levar a cabo diferentes tarefas relacionadas co coidado destes animais que abarcan dende a limpeza, a alimentación, os paseos... unha labor que fan de moi boa gana e na que todos os nenos amósanse moi participativos.
Pola noite choveu o que non choveu en todos os días que estivemos alí e mollados como nunca fumos cenar para despedir esta experiencia. Como anécdota comentar que foi o único día que puidemos tomar postre que semellaba ser unha labor imposible xa que ou ben as cociñas estaban pechadas ou non había existencias.
Como conclusión a esta experiencia gustaríame sinalar que a xestión da inclusión que se fai en Alemaña e máis ben é unha integración física pero non a outros niveis xa que apenas hai interacción entre rapaces que presentan algunha necesidade e os que non a teñen. A forma de traballar a diversidade na aula é a través de grupos homoxéneos fixos, apenas hai interacción entre o alumnado dos diferentes grupos no contexto máis académico supoñemos que en parte e pola importancia que se da as calificacións.
Tamén me gustaría sinalar que non existe un departamento de orientación como tal, si que se conta con traballadores/as sociais que centran a súa tarefa na orientación académica e profesional deixando para os psicólogos escolares externos ao centro (o que sería os nosos EOE) a orientación de carácter máis persoal. Tampouco está implantada a figura dos profesionais de audición e linguaxe ou pedagoxía terapéutica, os nenos con algunha necesidade educativa específica que están escolarizados en centros ordinarios contan coa figura de coidador. Esta persoa, que non é profesor, acompaña ao alumno ao longo do día pero máis nunha labor asistencial que educativa.
En definitiva, coñecer como se traballa noutros países é sen dúbida unha experiencia moi enriquecedora que ademais permite poñer en valor o noso traballo e aprender doutros compañeiros.