Continuamos o noso percorrido polo Erasmus+ que desta volta nos levou directamente ata Aydin, unha cidade ao oeste de Turquía. Cinco estudantes e as profesoras de linguas estranxeiras de secundaria foron os privilexiados que puideron vivir esta experiencia xunto con representantes de Finlandia, Romanía, Portugal e Turquía.
A viaxe comezou o domingo de madrugada cando o noso equipo se dispoñía a coller tres avións para chegar, case 24 horas máis tarde, ao seu destino final. Pouca broma!
O primeiro día, e tras unha cerimonia de benvida por parte dos nosos anfitrións, comezamos a actividade STEM que ía ocupar a meirande parte do tempo no centro escolar. Esta actividade consistiu nunha serie de exposicións que, seguindo a estrutura das conferencias da ONU, nos mostraron datos fundamentais sobre a historia, as políticas de sanidade e os dereitos dos animais entre outros puntos de varios países.
-
O segundo día, tras rematar coas conferencias, o alumnado de Turquía fixo alarde da súa música cun pequeno concerto e cunha demostración de baile tradicional. Pronto se animou o auditorio e foron moitos os que subiron ao escenario para acompañar aos bailaríns.
-
O terceiro día, e moi ao noso pesar, nos levantamos con risco de choivas e tormentas polo que a organización tivo que cambiar un pouco. Aínda así, tivemos a posibilidade de visitar unha planta de reciclaxe e o museo arqueolóxico da cidade.
-
Case sen decatarnos chegou o noso último día no país e, como o mal tempo non cesaba, non puidemos visitar a fabulosa cidade de Éfeso. Porén, gozamos das vistas de Sirince, unha cidade que pola súa paisaxe nos recordou moito a Grecia. Por último, chegamos a Kusadasi, unha das cidades turísticas de Turquía, na que dimos un paseo e tivemos a última cea cos nosos socios.
-
Foi unha experiencia marabillosa e sen dúbida a confianza que vai crecendo entre os participantes faise latente. Quedamos encantados e con moitas ganas de volvernos vernos! Pronto os teremos na nosa casa.